En 1836 instalouse na Coruña, xa casada, a rica habaneira Modesta Goicouría Cabrera. O seu primeiro matrimonio co empresario coruñés Juan Menéndez permitiulle acceder aos círculos sociais máis destacados da cidade e participar en actividades filantrópicas e benéficas xunto ás damas máis representativas do liberalismo herculino. A súa formación e o alto nivel de vida que levaba —reflexado na súa casa da rúa Real e na quinta de recreo situada en Palavea— facilitaron tamén a súa presenza en actos oficiais e eventos sociais organizados na localidade. Modesta integrouse no sector máis influente da elite comercial, financeira e industrial que introduciu novos valores de vida e ideais burgueses na cidade. Co patrimonio do que dispoñía, incrementado coa herdanza de Juan Menéndez, promoveu, xunto co seu segundo marido, Eusebio da Guarda, a construción da capela de San Andrés e do Instituto de Segunda Ensinanza.