Ernestina Otero foi unha mestra e pedagoga galega que destacou polo seu compromiso coa educación e coa mellora da escola pública en Galicia. Nacida en Redondela en 1890, formouse como mestra en Pontevedra e posteriormente na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid, onde entrou en contacto coas correntes pedagóxicas renovadoras vinculadas á Institución Libre de Enseñanza.
Ao longo da súa carreira desenvolveu unha importante labor educativa, especialmente na Escola Normal de Pontevedra, onde foi además de profesora, directora. Tamén presidiu o Consello Provincial de Primeira Ensinanza de Pontevedra. Desde estes espazos impulsou diversas iniciativas orientadas a mellorar o acceso á educación e a fortalecer o sistema educativo: promovéronse campañas para favorecer a asistencia do alumnado á escola, apoiouse a creación de novos centros educativos e ampliáronse as oportunidades de educación para persoas adultas.
Durante este período fomentouse tamén a colaboración coas xuntas municipais para aproveitar recursos educativos como campos agrícolas experimentais ou talleres artesanais e industriais, entendidos como espazos de aprendizaxe práctica. Ao mesmo tempo, alentouse o estudo e a investigación das características xeográficas e culturais de Galicia, co obxectivo de achegar a escola ao territorio e á realidade social do país.
Ernestina Otero participou tamén en iniciativas culturais e educativas que buscaban coñecer e valorar mellor a cultura galega. En 1933 asinou o manifesto de apoio ao Estatuto de Autonomía de Galicia xunto a outras figuras da vida intelectual e cultural.
A súa traxectoria viuse interrompida pola Guerra Civil, cando foi apartada do seu cargo e destinada durante anos a outro destino. A pesar destas dificultades, puido reincorporarse posteriormente á docencia e continuar o seu labor educativo ata regresar finalmente a Pontevedra en 1951, onde seguiu exercendo como profesora ata o final da súa vida.
O seu percorrido profesional deixou unha pegada importante na renovación pedagóxica e no desenvolvemento da educación en Galicia. Hoxe o seu nome continúa ligado a premios, rúas e iniciativas que recoñecen a súa contribución á escola e á vida cultural galega.