María Mariño Carou (Noia, 8 de xuño de 1907 – Parada do Courel, 19 de maio de 1967) foi unha poeta galega. Filla dun zapateiro e dunha costureira, asistiu poucos anos á escola e desde moi nova traballou cosendo polas casas, polo que era coñecida como “María a costureira”.
Viviu en Boiro, onde tomou contacto coa literatura grazas á biblioteca do Pazo de Goiáns. En 1939 casou co mestre Roberto Posse Carballido e marchou con el ao País Vasco. Tras regresar a Galicia viviron en distintas localidades ata instalarse definitivamente en Parada do Courel en 1947.
Comezou a escribir en 1957, primeiro en castelán e despois en galego. Publicou Palabra no tempo (1958–1963) e deixou inédito Verba que comeza, editado tras a súa morte. A orixinalidade da súa linguaxe poética levoulle a ser chamada por Uxío Novoneyra “dinamiteira da fala”. Morreu de leucemia en 1967.