Urania Mella Fernández foi unha activista galega comprometida coa defensa da xustiza social e cos dereitos das mulleres e das persoas traballadoras durante os anos da Segunda República. Nacida en Vigo no 1899, era filla do pensador anarquista Ricardo Mella e medrou nun ambiente familiar moi vinculado ás ideas progresistas.
Foi unha muller ilustrada e feminista, moi culta e avanzada para o seu tempo: foi mestra de piano e estudou Belas Artes na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
Desde moi nova mostrou un forte compromiso social. Comezou ensinando a ler e escribir ás mulleres do barrio de Lavadores, contribuíndo á alfabetización feminina nun momento no que a maioría das mulleres tiñan un acceso moi limitado á educación. Co paso do tempo implicouse tamén en organizacións como a Unión de Mujeres Antifascistas e o Socorro Rojo Internacional, participando en iniciativas de apoio ás persoas represaliadas e na defensa dos dereitos das mulleres.
Tras o golpe de Estado de 1936 participou na defensa do barrio vigués do Calvario, onde a veciñanza se organizou para tentar frear o avance das tropas sublevadas. Pouco despois foi detida e sometida a un consello de guerra no que foi inicialmente condenada á pena de morte, condena que finalmente lle foi conmutada por anos de prisión.
Durante nove anos estivo encarcerada no penal de mulleres de Saturrarán, en Guipúscoa, liberándoa un mes antes da súa morte.
A represión que sufriu estivo tamén marcada polo machismo e os fortes prexuízos de xénero: foi cualificada polas autoridades como “mala nai” pola súa actividade política e perdeu a custodia das súas fillas. Foi liberada apenas un mes antes da súa morte.
A súa historia lembra a de moitas mulleres que, nun tempo de grandes transformacións, participaron activamente na defensa da democracia, da igualdade e da xustiza social, deixando unha pegada importante na memoria histórica de Galicia.