Dámosche a
benvida a
Presentes.

Un proxecto creado pola Xunta de Galicia para promover que as mulleres accedan e participen de forma activa e igualitaria na toma de decisións en todos os espazos; sexan públicos, privados, académicos ou sociais.

Por que
facemos isto?

Contar con referentes femininos é imprescindible para acadar a igualdade de xénero. Son milleiros os eventos realizados en Galicia cada ano. Milleiros de oportunidades para amosar eses referentes e construír unha sociedade máis igualitaria, xa que en moitos deles a representación de mulleres, cun papel activo, segue a ser escasa.

Charlas, mesas redondas ou debates son espazos de visibilidade onde se precisan referentes, mais tamén son espazos de coñecemento, inspiración e diálogo. Espazos onde se constrúe o noso presente e se fala do noso futuro en milleiros de aspectos: sociais, económicos, sanitarios, tecnolóxicos, ambientais e un longo etcétera de temáticas que lle dan forma ao noso mundo.

Un mundo que nunca será igualitario se as mulleres non teñen voz. E é por iso que nace PRESENTES.

A maior comunidade de mulleres galegas (ou residentes en Galicia) que quere dar visibilidade a profesionais expertas en todas as áreas de coñecemento e facilitar así que ocupen e protagonicen estes espazos.

Un proxecto da Xunta de Galicia para que toda aquela persoa que entenda a importancia disto poida incluír mulleres nos eventos e, deste xeito, contribuír a facer que o noso mundo, presente e futuro, sexa realmente igualitario.

Como o facemos

VER

Se as persoas que organizan eventos teñen un lugar onde ver que a realidade é que hai moitas mulleres expertas nas súas áreas de especialización, poden facilmente facer que a sociedade as vexa.

ENTENDER

Se as persoas asistentes ven as mulleres, non só poderán entender que as mulleres poden ser expertas e referentes en calquera sector, senón que tamén poderán entender a realidade dunha forma máis aberta, diversa e enriquecedora. E só escoitando se pode entender.

CONSTRUÍR

Aprendendo, dialogando e inspirando é como construímos a realidade. Unha realidade que só pode ser igualitaria se a construímos en común.

Como podes
sumarte

Calquera que sexa o teu rol nos eventos podes axudar moitísimo.

 

Sexas unha institución, colectivo, participante ou asistente aquí poderás atopar mulleres expertas para promover que os eventos sexan igualitarios. Buscando, propoñendo ou visibilizando este proxecto.

Cal é o criterio

A LISTAXE

Esta non é outra listaxe das mulleres máis top, as que conseguiron romper cos teitos de cristal, as máis excelentes das máis excelentes. Esta é unha listaxe de mulleres con traxectorias e dispostas a dar un paso adiante, achegando a súa voz dende o seu expertise e diversidade profesional.

Por iso non quixemos ter un corte que, unha vez máis, sexa un obstáculo, un nesgo e faga sentir que soamente as mellores merecen estar, que o resto son “impostoras”.

Hai milleiros de eventos diferentes todos os días. Máis ou menos profesionais, máis ou menos remunerados, con orientación máis profesional ou persoal. Nós queremos demostrar que hai mulleres para todos eles.

FILTROS E ETIQUETAS

A mirada deste proxecto é feminista e interseccional. Alén da usabilidade e a facilidade para encontrar o perfil axeitado para as distintas tipoloxías de eventos; impórtanos, dende esta mirada, visibilizar a pertenza a diferentes colectivos. Pois, acotío, isto tamén supón un aumento da discriminación e falta de representatividade e presenza nos espazos públicos. Por iso, resulta imprescindible recollelo aquí, tendo en conta que está dentro da categoría “ser muller”. Cada muller da comunidade PRESENTES pode elixir as etiquetas de identificación que se axusten co seu sentir, se así o queren. Deste xeito, quen organice un evento, pode buscar activamente mulleres profesionais pero que ademais formen parte do colectivo LGBTI, que sexan migrantes ou que teñan algún tipo de discapacidade, entre outras

O OBXECTIVO

O obxectivo da Xunta de Galicia con este proxecto é pór a disposición de toda a sociedade unha comunidade que visibilice o gran volume de mulleres profesionais que teñen unha voz acreditada nas súas áreas de especialización. É unha ferramenta para facilitar a súa identificación para todas as organizadoras de eventos, medios de comunicación e, en xeral, calquera eido da comunicación. Desde a Xunta de Galicia asumimos o compromiso de identificar a estas profesionais mais non nos podemos facer responsables das opinións e accións desenvolvidas por cada unha delas.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.